O tinglado da antiga farsa


En breve será aprobada a lei Sinde. Esa lei permitirá que este blog poda ser pechado, xa que contén ligazóns (como neste post) que facilitan a descarga de películas. É un simple enlace, xa que WordPress non ofrece nin de lonxe a capacidade de aloxar unha película enteira.  Os tribunais españois xa sentenciaron repetidas veces que un enlace non é unha comunicación pública. Ante esa evidencia, a SGAE e outras asociacións de rufiáns (como o Ministerio de Cultura) entenden que non son os xuizes quenes deben decidir sobre esa cuestión, senon unha comisión integrada por eles mesmos. A lei Sinde é, polo tanto, o intento de silenciar pola vía executiva o que o poder xudicial ven protexendo todos estes anos coa lei na man. As ligazóns, o alicerce dun dos maiores inventos da historia da humanidade (internet) acaban de ser ilegalizados de iure.

O peor inimigo do despotismo é a información. Algo que saben moi ben os carceleiros do soldado Manning, os perseguidores do fundador de WikiLeaks, Julian Assange, e a señora Gonález-Sinde. Tras a opacidade informativa, a censura e a defensa dos dereitos de autor e de propiedade intelectual non hai grandes principios morais, senon simples intereses económicos e de poder. Os fachendosamente autoproclamados “creadores” non son unha figura nova: antes chamábanse intelectuais áulicos, ou mais popularmente lameculos.

A mesma historia se repite por todos os lados: tras as revoltas de Tunisia o descontento exténdese hoxe mesmo polo norte da maltratada África e chega a Exipto. A resposta do goberno de Mubarak (que é presidente dende 1981) é cortar o Twitter, censurar internet e bloquear as mensaxes de teléfono móbil. El dí que pretende impedir un ascenso do fundamentalismo islámico ao poder e protexer a Occidente. Calquera persoa ben informada sabe que precisamente cando Occidente mete a man é cando nace unha nova pola do fundamentalismo: Irán, Afganistán, Pakistán e Marruecos, por exemplo. Ou o noso aliado mais fiel, Arabia Saudita, a dictadura islamista mais férrea do planeta.

Hai unha relación siniestra entre a lei Sinde e o que está a pasar en Exipto. Ao rebufo da crise, do terrorismo e de canto faga falla impleméntanse as medidas autoritarias mais disparatadas en razón do supremo ben común, ben común que polo xeral atópase aloxado nos bolsillos de catro mangantes.

Para celebrar a inminente aprobación da lei Sinde, déixolles uns enlaces a unha excelente película ciberpunk: Matrix. Que a disfruten.

Descarga diracta: aquí e aquí.
Visionado directo: aquí e aquí.

FUD


O medo, a incerteza e a dúbida (FUD, fear, uncertainty and doubt) é unha estratexia comercial consistente en diseminar información negativa co fin de perxudicar a un competidor. Como estratexia comercial pode que sexa nova, pero como forma de conduta socialmente relevante é vella como o mundo, e xa temos falado dela. En toda organización humana (un instituto de ensino secundario é unha organización humana, por se algún non se dera conta) a información sensible transmítese de xeito viral, segundo as leis da rumoroloxía.

Hoxe, para pasar o domingo, preséntolles unha peliculiña que expón as nefastas consecuencias que pode ter un simple rumor nunha escola de nenas. A Calumnia (The Children’s Hour, 1961) mixtura temas como o prexuizo social, o rumor, o sentimento de culpa e a distorsión e a manipulación da realidade.

Trailer de A Calumnia. Para ver a película completa, prema aquí.

« Older entries