O dereito dos alumnos á folga


[debido ás numerosas consultas dos últimos días,
este post foi editado o 08-10-11
para corrixir algún erros de gramática e sintaxe;
o contido xeral permanece idéntico]

É un tema recurrente de debate se os alumnos teñen ou non dereito á folga, especialmente os menores de idade. Tendo en conta que hai convocada unha folga o día 21 deste mesmo mes de xaneiro, hoxe analizaremos de qué xeito está recollida na lexislación ese problema.

O artigo da Lei Orgánica 8/1985 que regulaba esta problemática limitábase a recoñecer o dereito de reunión, nos seguintes termos:

Artigo oitavo: Garántese nos centros docentes o dereito de reunión dos profesores, persoal de administración e de servicios, pais de alumnos e alumnos, e facilitarase o seu exercicio, consonte coa lexislación vixente e tendo en conta o normal desenvolvemento das actividades docentes.

Moito tempo despois a ese artigo oitavo lle foi engadido un segundo parágrafo a través da Lei Orgánica 2/2006 (coñecida como LOE), sufrindo tamén modificacións o artigo sexto. As modificacións introducidas pola LOE (véxase aquí o texto de 1985 enmendado) aparecen na súa disposición derradeira primeira. O articulado atinente para dirimir a cuestión do dereito á folga dos alumnos é o seguinte (subliñamos a parte que nos interesa):

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación.

3. O artigo 6 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, queda redactado da seguinte maneira:

«1. Todos os alumnos teñen os mesmos dereitos e deberes, sen máis distincións que as derivadas da súa idade e do nivel que estean cursando.»
(…)
5. Ao artigo 8 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, engádeselle un novo parágrafo coa seguinte redacción:

«Co fin de estimular o exercicio efectivo da participación dos alumnos nos centros educativos e facilitar o seu dereito de reunión, os centros educativos establecerán, ao elaborar as súas  normas de organización e funcionamento, as condicións en que os seus alumnos poden exercer este dereito. Nos termos que establezan as administracións educativas, as decisións colectivas  que adopten os alumnos, a partir do terceiro curso da educación secundaria obrigatoria, con respecto á asistencia á clase non terán a consideración de faltas de conduta nin serán  obxecto de sanción, cando estas fosen resultado do exercicio do dereito de reunión e sexan comunicadas previamente á dirección do centro

Na miña opinión nese articulado non se recolle de xeito directo o dereito á folga, senón o dereito de reunión. É normal que non sexa así, posto que estamos falando dun colectivo menor de idade, relativamente manipulable, e do cal se fai responsable un grupo de adultos. Por outra banda, non estamos falando dun colectivo de asalariados que se ausenten do seu posto de traballo co correspondente desconto de haberes.

Nembargantes, o que fai a normativa é definir a folga, circunstancialmente, como inasistencia non punible, en tanto que é unha consecuencia do dereito de reunión efectivamente recoñecido. É dicir, o alumno ten dereito a non ser sancionado disciplinariamente e a que non se lle teña en conta como falta de conduta o feito de non acudir a clase, sempre e cando se dean os seguintes requisitos:

1º que os alumnos sexan de 3º da ESO, ou dun curso superior.
2º que a inasistencia a clase sexa o resultado dunha decisión colectiva.
3º que tal decisión sexa comunicada previamente á dirección do centro.

A normativa, por deliberadamente ambigua e incompleta, plantexa algúns interrogantes.

Non contempla o articulado o exercicio da folga (entendida como inasistencia non punible) como unha medida individual, senón sempre como produto dunha decisión colectiva. Non cabería por tanto exercicio de dese dereito se nacera dunha decisión particular. De feito, repito, na miña opinión non se recoñece de xeito directo ese dereito.

Ao mesmo tempo, a normativa non especifica qué se entende por decisión colectiva, se se debe tomar por maioría, e se é así con qué maioría debe contar esa decisión (simple? cualificada?), e qué garantías se dan para certificar que é efectiva.

Por outra banda, non exclúe a posibilidade de que o alumno remate por ter unha falta de asistencia. O certo é que os rapaces que non acudiran a clase terían unha falta de asistencia, mais esa falta non podería ter consecuencias disciplinarias (pois a lei garante que non sexa así, e xustifica automáticamente a falta).

Obsérvese tamén que o articulado se refire á inasistencia a clase, non á inasistencia ao centro. Partindo do feito de que a expresión “clase” é dificil de interpretar (¿debería dicir “inasistencia á aula“?), podería darse a circunstancia de que os alumnos non entraran na aula, pero permaneceran no centro. Nese caso, habería que acudir ao artigo oitavo, que na súa redacción ainda vixente supedita o dereito de reunión ao normal desenvolvemento das actividades docentes.

É interesante sinalar que o artigo engadido na LOE fundaméntase en razóns de tipo pedagóxico e de dereito político: “Co fin de estimular o exercicio efectivo da participación dos alumnos nos centros educativos e facilitar o seu dereito de reunión (…).” Por un lado, preténdese educar aos rapaces na participación, e por outro, recoñecerlles o dereito constitucional de reunión. O que significaría que as razóns pedagóxicas poden supeditar a decisión de inasistencia á clase. Dito de outra maneira, podería darse o caso de que, facendo unha interpretación finalista do texto legal (e non unha interpretación literal), a dirección sancionase a inasistencia a clase se se producira nun contexto tal que as razóns pedagóxicas colisionaran coa decisión colectiva, se ben penso que ningunha dirección, no seu sano xiuzo, optaría por unha interpretación tan enrevesada.

Finalmente, é pertinente sinalar que a normativa delega nos centros a regulamentación final do problema: os centros educativos establecerán, ao elaborar as súas  normas de organización e funcionamento, as condicións en que os seus alumnos poden exercer este dereito. O que, en moitos casos, non ocorre.

E así é como interpreto eu toda esta historia. Se teñen suxerencias, póñanas nos comentarios.

Advertisements

6 Comentarios

  1. A profa said,

    Xaneiro 18, 2010 ás 20:45

    Parabéns por esta entrada que me resultou moi útil e parabéns en xeral polo blog.
    Estívenlle botando unha ollada e pareceume moi interesante, entendendo por interesante que nunhas cantas entradas xa atopei cousas que non sabía e viñan ademais moi ben explicadas e iso é moi de agradecer.
    Dúas suxestións, ademais do candelabro podería poñer no lateral un arquivo despregable onde se poidan buscar comodamente as entradas anteriores e tamén poderían incluír na barra un buscador directo de contidos e a listaxe de etiquetas, para os que nos incorporamos tarde sería de grande axuda.
    De agora en diante seguireille a pista, saúdos.

    • iesounonies said,

      Xaneiro 18, 2010 ás 21:54

      Grazas polos consellos e polos parabéns: en canto teña un ratiño, póñome a facer algún dos cambios suxeridos, a ver se as opcións de wordpress o soportan! Sospeito que o buscador de contidos non ven no paquete…

  2. iznogoud el infame said,

    Xaneiro 19, 2010 ás 00:05

    témome que fácilmente os nosos intentos de promover a toma de decisión do alumnado en canto que cidadáns poden ser fácilmente tachados de manipulación, máis se temos en conta que, na realidade, actuamos cando hai unha convocatoria que nos secundamos de forma case masiva.

    Por outra banda, será difícil conseguir ese día que os alumnos aistan a clase, no caso de que se acheguen ó instituto. Como noutros casos, non queda moito máis que deixalo pasar, pero sempre avisando ós pais de cal é a nosa capacidade ese día para controlar a sistencia dos nenos a clase.

    …ou sexa que non aporto nada novo.

  3. iesounonies said,

    Xaneiro 19, 2010 ás 01:33

    Eu entendo o articulado como garantista: trata de evitar a sanción dos alumnos no caso de que secunden unha protesta rexeitada polos seus profesores. Fora diso, en efecto, hai folgas de adultos nas que, por evidente imitación, participan os menores. Pero esa regra se cumple, en xeral, con todas as estupideces e acertos dos adultos: os rapaces simplemente fan o mesmo que nós.

    Diso trata a próxima entradiña: https://iesounonies.wordpress.com/2010/01/19/children-see-children-do/

  4. Mar said,

    Outubro 26, 2014 ás 23:46

    Boas,

    penso que cómpre discutir a frase “nos termos que establezan as administracións educativas…”, xa que é importante: di algo a Xunta de Galicia ao respecto?

    Moi interesante o artigo, moitas grazas.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: