Lamento della ninfa


Cando o músico renacentista Claudio Monteverdi elaborou a Teoría dos Afectos case todo na música occidental tal e como a coñecemos estaba por facer.

Monteverdi pensaba que o obxectivo da obra de arte é conmover o corazón do oínte. Froito desa convicción escribiu esta peza única, o Lamento della ninfa, pertencente ao octavo libro de madrigais. A peza está introducida por un coro de homes, de relativo interese dramático, que describe a unha ninfa que vaga polos campos arrebatada pola pena. Tras esa presentación desenvólvese unha intensa aria para voz femenina, o núcleo da composición, cunha melodía construida sobre a simplicidade de catro notas descendentes que se repiten sen cesar, mixturando a desesperada queixa da despechada (Amor, dove, dov’è la fè ch’el traditor giurò?amor, ónde vai a fidelidade que xurou o traidor?) co coro de homes que compadece a súa sorte (miserella).

Hala, xa teñen outro motivo para non ver a televisión:

Versión de La Venexiana. Letra en italiano.