O Marqués de Xade (e outros contos de terror)


Contan os maledicentes que cando un profesor galego quere asustar aos seus fillos os ameaza coa inminente chegada do Marqués de Xade. ¿Cál é a orixe da expresión?

Hai anos a algún iluminado da Consellería de Educación se lle ocorreu que para aforrar papel e facilitar a xestión dos centros educativos era necesario crear unha aplicación informática. Nela, coma nun oráculo, estarían tódolos datos imaxinables: matrículas, horarios e faltas de alumnos e profesores, direccións e teléfonos, notas, titorías, comedores escolares, liñas de transporte escolar, claustros, actividades extraescolares… O soño húmido de todo informático: unha Matrix educativa de dimensións wagnerianas, con tódolos datos a golpe de rato.

Para unha obra de tales características foi necesario xuntar dous tipos de persoas: por unha banda, expertos en educación, e pola outra, expertos en informática. De tal maridaxe debería saír o Programa Total, a Nai de Tódalas Aplicacións, o Superencéfalo Educativo. Contan os mais vellos que alguén cambiou os cometidos: o informático asesorou sobre educación e o profesor foi quen programou o enxendro. A maneira exacta en que ocorreu todo isto permanece selado como un dos maiores segredos da Consellería. O caso é que entre todos perpetraron o Xade (en castrapo, Xode), un bug unha aplicación informática especializada en xestionar centros educativos e canta cousa teña que ver co tema.

Ese Softkenstein xenerado por varias capas de programación tomou vida propia en poucos anos, ramificándose en aplicacións cada vez mais intelixentes a malignas. Agora os centros, ademáis de Aulas de Convivencia para tratar aos rapaces mais díscolos, deben ter grupos de choque para protexerse dos ataques do Leviatán Come-recursos. Cóntase que unha soa carga de datos de matrícula fixo tolear a varios reximentos de veteranos administrativos, e que un titor de primeiro ciclo da ESO foi devorado polo seu portátil mentres intentaba introducir as faltas dos seus alumnos.

O Marqués de Xade naceu así como unha corporización da nova Matrix: un ser telúrico adoptado como demonio polos seguedores da secta satánica dos Lumpen Bureaucratitat, que entran en trance mediante os 17 cilcs necesarios para introducir unha soa falta dun profesor. Segundo a secta dos Lumpen Bureaucratitat, un día nacerá un mortal que saberá facer funcionar o Xade sen necesidade de usar o Internet Explorer de Microsoft. Cren que ese Mesías matará ao maligno Marqués de Xade, liberando a especie humana da Besta e devolvéndolle o Tempo roubado a os homes.

Desa crenza nace a expresión “come o caldo ou virá o Marqués de Xade e quedarás sen dentes”.

Ofrecémoslle en primicia ao público do noso bloguiño unhas imaxes inéditas dunha reunión dos Lumpen Bureaucratitat. Nelas, un veterano Xefe de Estudos da secta (o de gafas) intenta convencer a un novato de que non paga a pena meter os horarios no Xade.

Por desgracia no se puede explicar lo que es Matrix el Xade… has de verlo con tus propios ojos…

Adiviñen de qué cor é o interface do Xade: azul ou vermello? Tí elixes…