DSCH


O compositor Dimitri Shostakovich foi denunciado en 1948 polo estalinismo como formalista, o que case equivalía a unha sentencia de morte. Salvouse da purga probablemente pola popularidade que acadara durante a Segunda Guerra Mundial, cando escribira a obra mais emblemática desa época: a Sinfonía Leningrado. Esa sinfonía fora retransmitida por todas as emisoras soviéticas o 9 de agosto de 1942 dende esa cidade, que estaba sendo asediada polas tropas nazis (que esa mesma noite tentaran un novo asalto). O espantoso sitio de Leningrado durara case tres anos, e gravárase a fogo na memoria dos soviéticos (e dos países aliados) coma un símbolo contra a invasión alemana. Ese feito contribui seguramente a que se respetara a súa vida: pero non evitou que todos os seus privilexios lle foran retirados, limitando a súa autonomía creativa, obrigándolle a compoñer música oficial e condenándoo ó ostracismo. Admirado en occidente como un dos maiores compositores do século XX, marxinado no seu país por un réxime despótico, pouco cambiou a cousa cando se afiliou ao Partido Comunista: de disidente interno pasou a colaboracionista, o que amargou a súa vida e o empurrou a unha maior soidade.

Conta a tradición que Shostakovich decidiu suicidarse en 1960. A presión á que estivera sometido para que se afiliara ao Partido Comunista ese mesmo ano (algo que segundo algúns fixo en contra da súa vontade) viuse agravada polo feito de serlle diagnosticada unha grave enfermidade. Fruto desa suposta decisión naceu o Cuarteto de cordas nº 8, Op. 110.

Composto ao parecer en apenas tres días, o cuarteto nº 8 foi oficialmente adicado ás vítimas do fascismo e a guerra. En realidade é un réquiem por el mesmo: Shostakovich consideraba que trala súa morte ninguén escribiría nada na súa memoria e decidiu deixar ese problema arranxado. Tal vez por iso os seus cinco movementos recollen melodías populares, das súas propias obras ou de compositores admirados. De feito, as catro primeiras notas constitúen un criptograma: transcríbense como DSCH (acrónimo de Dimitri Schostakovich, na súa transliteración alemana). DSCH non é outra cousa que a súa firma musical.

Shostavovich escribiu unha carta ó seu amigo Glikman na que afirmaba que

[o cuarteto nº 8 ] non ten ningunha utilidade para ninguén, e dende o punto de vista das ideas é un fracaso. (…) O carácter pseudotráxico deste cuarteto está en que ó escribilo derramei tantas lágrimas coma orina elimino tras beber media ducia de cervexas.

Tentei tocar na casa o cuarteto en dúas ocasións, e cada vez que o fixen rompín a chorar. Mais xa non só polos seus rasgos pseudotráxicos, senon de admiración pola marabillosa claridade da súa forma. Cecais ten desempeñado certo papel en todo esto unha especie de entusiasmo pola propia persoa, que pronto esvaece e deixa unha especie de resaca en forma de autocrítica.

Musicalmente falando o cuarteto ten fama por ser sinxelo de interpretar, con un contapunto cercano á música de Bach, e recolle xa a recente tendencia de Shostakovich de empregar rexistros ou ben moi graves ou ben moi agudos. Os movementos deben ser escoitados sen interrupcións entre eles, algo que a tecnoloxía youtube non permite. As melodías son sinxelas, e fermosamente tristes como corresponde a un réquiem.

Se un tivera que poñer banda sonora ao século XX, plagado de matanzas, devastación e cinismo, lle poñería este cuarteto.

Shostakovich non se suicidou en 1960. Era fumador empedernido, e morreu de cancro de pulmón en 1975, aos 69 anos.

Cuarteto nº 8 de Shostakovich,
interpretado polo Emerson String Quartet.
(Prema aquí para escoitalo de seguido).

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: