Homo ferus


Nun comentario recente a un post deste humilde bloguiño preguntábase un intelixente lector sobor da dicotomía entre o aprendido e o innato.

A diferencia entre natureza e convención (physis e nomos) foi un tema plantexado inicialmente polos sofistas da antigua Grecia, e converteuse nun tópico das discusión filosóficas e de sobremesa dende entón. O sentido profundo desta dicotomía acada importancia en multitude de ramas do saber, como a epistemoloxía (razón versus experiencia), a bioloxía (innato versus adquirido) e a lingüística (linguaxe versus lingua), e está moi lonxe de ser zanxado. Incluso na vida cotiá é cuestión disputada se as persoas teñen un carácter invariable ou mais ben é produto da súa educación e do ambente.

Dende o punto de vista meramente educativo (e en todo caso, antropolóxico) o problema da dicotomía entre o innato e o adquirido é inquietante. Dado que afortunadamente os experimentos con nenos están prohibidos, temos que botar man das desgracias propias da vida real para resolver a cuestión. A idea básica é que se a un ser humano lle quitamos todo o adquirido da sociedade e o deixamos só coa súa carga meramente natural, tal e como ven ao mundo, e logo permitimos que medre ata facerse adulto, entón obteremos esa esencia primixenia do que somos, o ser humano auténtico, natural e orixinal: o innato desvestido do aprendido. Dende que Linneo clasificou as especies a ese ser humano chamóuselle Homo [Sapiens] Ferus, home salvaxe.

¿En qué consiste ese ser humano orixinal? Grazas aos rexistros modernos de casos reais de nenos salvaxes coñecemos en parte a resposta á pregunta: se a un ser humano se lle retira a súa parte adquirida o que obtemos é pouca cousa, por non dicir nada.

Un dos casos mais coñecidos e estudados e o do neno Victor de Aveyron, un cativo atopado nos bosques franceses de Aveyron a finais do século XVIII en estado de completo salvaxismo, tras anos de estar privado de contacto humano, e que logo foi educado polo pedagogo e médico Gaspar Itard. Hai unha coñecidísima película sobre esta historia, chea de inocencia e frustración: L’enfant sauvage. Victor, o neno salvaxe, nunca chegou a falar, e acadou unha socialización moi limitada. Digamos que, neste caso, children don’t see, children don’t do…

Outro caso certamente sorprendente (e un dos mais intensamente estudados) foi o da pequena Genie. Genie foi localizada polos servicios sociais norteamericanos en 1970 (xusto cando se estreou a película antes citada, e en pleno debate sobre a gramática xenerativa de Noam Chomsky e a teoría do periodo crítico de Eric Lenneberg), tras vivir nun case completo aillamento da sociedade, e no mais absoluto maltrato, durante 10 anos. Sometida a investigaciones tan inútiles como crueis, hoxe en día esmorrece internada no anonimato dalgunha institución norteamericana sen que se teña recuperado para o mundo dos socializados, ou sexa, nós.

Hai ducias de casos mais de Homo Ferus, menos coñecidos, e non sempre verificados, algún deles moi recente. Por todos eles sabemos que non pinta moito que esa pretendida humanidade orixinaria (que Rousseau, entre outros, presumía que se caracterizaba pola bondade e a harmonía coa natureza) aporte significado mais alá da súa inevitable unión co aprendido. Mais ben é posible que a dicotomía nature versus nurture sexa un artefacto intelectual para tratar de entender por separado o que nunca, na historia da nosa especie, se deu doutro xeito que xunto. Nese caso, a diferenza entre innato e adquirido sería a mesma que hai entre un lado e outro da mesma folla: só separables na nosa mente, dependen un do outro para se soster, dando lugar a esa fraxilidade chamada ser humano.

A continuación engado dous documentos para pensar sobre este asunto (mentres non os borren no youtube). A fermosa película de Truffaut que conta a historia de Victor de Aveyron e un documental sobre Genie, o caso dunha das nenas salvaxes millor documentado da historia.

O pequeno salvaxe, de Truffaut (1970).
Prema aquí para a reproducción completa da película.

La niña salvaje (documental).
Prema aquí para a reproducción completa do documental.

Advertisements

1 comentario

  1. iznogoud el infame said,

    Febreiro 5, 2010 ás 01:11

    É posible que se poida aprender algo estudaindo un caso cono o da nena Jenny, pero non sei en que medida isto pode ser extrapolable ao debate sobre o aprendido ou o innato. Neste caso, a tortura sufrida pola nena non so impide o seu desenvolvemento, senon que destrúe a súa capacidade innata de aprendizaxe. Mesmo un can criado entre humanos, sen coñecer a outro can, críase nun ambiente social do que el é unha parte. Neste caso, parece que a nena tiña cubertas as súas necesidades físicas, pero se lle impedía facer absolutamente nada mais.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: