Spam


A palabra spam define o “correo electrónico non solicitado que perxudica ao destinatario, sexa por saturar a súa bandeixa de entrada, sexa por facerlle perdelo tempo, ou por calquera outra razón”.

O termo procede do inglés, e naceu dunha marca norteamericana de carne en lata, chamada Hormel’s Spiced Ham (Xamón Especiado de Hormel), ou simplemente SPAM. Non debía ser un gran produto, pois foi dos poucos alimentos que se salvaron do racionamento durante a postguerra en Inglaterra. A ubicuidade da carne en lata deu lugar a retroacrónimos de todo tipo (Something Posing As Meat, Specially Processed Artificial Meat, Stuff, Pork and Ham, Spare Parts Animal Meat, Special Product of Austin Minnesota), e fartou aos ingleses, que identificaron a palabra spam con todo aquelo que non sendo desexado remata un por tragar con resignación.

Tempo despois a popular marca foi satirizada polos Monty Python nun lexendario número coñecido como Spam, onde no habitual delirio surrealista desa agrupación de tolos aparecen personaxes doutros números famosos do mesmo grupo.

Todo esto ven a conto do mail enviado hoxe pola Consellería de Educación á conta de correo institucional de tódolos profesores de Galicia, cantando alabanzas do pre-decretiño, xusto dous días antes dunha folga xeral no ensino. Outro día analizaremos ese correo-lixo, a altura do decreto-lixo que defende.

Hoxe quedémonos cos Monty Python.

Posts ligados: O Ministerio de Andares Parvos.

Children see, children do


Atopado por ahí, perdido na rede, o anuncio que incrusto mais abaixo pode ser empregado na clase de Filosofía de primeiro de bacharelato para explicar, en pouco tempo, o significado do concepto de socialización.

É unha mágoa que cando os alumnos (os humanos, en xeral) están capacitados para comprender o concepto de socialización primaria a súa socialización primaria xa esté rematada: están, precisamente, en plena socialización secundaria.

Pero ese é o obxectivo evolutivo da socialización primaria, tal e como ensina a socioloxía: transmitir a cultura (a taditio, a tradición, o traído) o mais intacta posible. A perpetuación da especie depende diso. O que serve para dar continuidade á grandes cousas (a linguaxe, a arte, a organización social) e a pésimas ideas (a violencia e a dominación, a SGAE, as cancións de King África).

A capacidade dos rapaces para aprender como esponxas é o alicerce desa socialización primaria, unha forma de aprendizaxe dende o baleiro, tan rápida e eficaz como acrítica. A secundaria, vicaria da anterior, é só unha actualización e posta ao día, unha aprendizaxe dende o xa sabido, mais lenta e crítica.

O que mais me fascinou sempre da socialización primaria é o esquecemento que a acompaña, chamado técnicamente amnesia infantil: do noso periodo de mais intenso aprendizaxe, onde se asentan os coñecementos mais determinantes (a lingua materna, os usos sociais, os prexuizos mais arraigados, todos eses saberes que empregaremos ata que morramos) apenas lembramos nada. Nunca o esquecer e o aprender estiveron tan xuntos como durante a nosa infancia: e é así como sabemos algo, pero non sabemos que o sabemos porque esquecimos que o aprendimos. O que os sociólogos chaman, mais ou menos, interiorización.

Tal vez sexa o remedio evolutivo que ten a nosa especie para saír adiante: recordar o aprendido pero esquecendo que case todo non é mais que unha mentira imprescindible para seguir vivos.