A Prisión Xeral de Xitanos


No ano 1749 tivo lugar un dos episodios mais tristes (e esquecidos) da historia de España: coa autorización do rei Fernando VI e baixo supervisión do Marqués da Ensenada, organizouse en absoluto segredo unha operación militar a gran escala cuxo obxectivo era prender, deportar, confinar e adicar a traballos forzados a toda a poboación xitana española. Camóuselle Prisión General de Gitanos, ou Gran Redada.

Empregando cartas seladas que debían ser abertas simultáneamente en todo o Reino o día da operación (o mércores 30 de xullo) o Marqués da Ensenada, a través da Secretaría de Guerra, dictou detalladas ordes ao exército e a policía para proceder ó arresto e deportación dos xitanos todos de España. Amparados na derrogación do asilo eclesiástico, o Estado Absoluto decidiu, nunha medida sen precedentes, rematar co que consideraba a causa da inseguridade cidadá. Para acadar o obxectivo servíuse do rexistro de xitanos elaborado en 1717, nado da pragmática dese mesmo ano, e que obrigaba a asentarse a tódolos xitanos nun determinado número de localidades e nunha excata cantidade de individuos (unha familia xitana por cada cen payas, coma máximo). Sabendo a administración central cántos xitanos había e ónde estaban, o 30 de xullo de 1749, de xeito concertado e simultáneo, en tódalas vilas e cidades de España onde estiveran realoxados, prendeuse sen cargos a tódolos romanies aos que se puido botar man. Segundo os estudos realizados, o día mesmo da redada caíron entre 9.000 y 12.000 individuos.

Os plans seguíronse a raxatabla, en consoancia cos novos modelos de Estado Policía da época: en cada localidade fixéronse dous grupos: un cos homes e nenos maiores de sete anos, que foron enviados aos arsenais da Marina para traballos forzados, e outro coas mulleres e cativos de menos de sete anos, que foron conducidos a fábricas.

Fernando VI

O traslado dende o lugar de detención ata o destino, a alimentación e incluso as cadeas pagáronse cos bens dos arrestados, que foron inmediatamente confiscados e subastados. Non se agardou polos eivados ou os enfermos: esperaron a súa recuperación baixo custodia, para ser trasladados mais tarde. Programáronse “depósitos” intermedios para conter a aquela desorientada masa de xente mentres duraba a deportación. Xa no seu destino, e no medio dun disparatado caos administrativo, amontonáronse en barracóns e celdas, en durísimas condicións de aloxamento e traballo.

Resulta asombroso constatar cómo a Gran Redada anticipa algúns rasgos de cacerías humanas posteriores, como o exterminio dos xudeus nos anos trinta e corenta do século XX: por exemplo, o feito de que a dimensión da destrucción e o grao de asimilación das minorías sexan proporcionais en época de persecución. A sedentarización forzosa dos xitanos acontecida nas décadas anteriores permitiu o seu cómputo e a súa localización exacta. Os arquivos dan fe da precisión do reconto, a mesma precisión que hoxe asombra aos que investigan o Holocausto. Coñécese con detalle o número de familias avecindadas en cada praza: Puerto de Santa maría, 157 familias; Jaén, 4; Sevilla, 130; Aranda de Duero, 1; León, 3… Así, ata 881 familias. A separación de homes e mulleres (así como o permiso concedido aos anciáns para quedarse nas súas localidades de asentamiento) indican que o obxetivo da redada era xenocida e pretendía a destrucción de calquera vestixio da cultura xitana. O propio Marqués da Ensenada non empregou eufemismos para describilo:

…falta lo principal, que es darles destino con que se impidan tantos daños y extinga si es posible esta generación…

Os verdugos, homes cristiáns temerosos de Deus, guiadiños e leais ao Rei, foron os militares, axudados polos encargados da orde pública. Separación por sexos, prisión indefinida sen cargos, pago dos gastos do arresto con cargo aos bens do arrestado, emprego de man de obra escrava… todo evoca con claridade unha lóxica que se repetiría amplificada nos holocaustos do século XX. Pero se a lóxica era a mesma, os medios e as ferramentas non foron idénticos, o que permitiu que o final fora, tamén, diferente.

A Monarquía Absoluta carecía de los elementos conceptuais que máis tarde, no século XX, permitiron unha maior eficiencia no exterminio. No século XVIII a idea de raza, biolóxicamente definida, non existía. Tal era así, que o término “xitano” estaba prohibido: os “xitanos” non eran xitanos, senon súbditos do rei, iguais aos restantes , pero teimudos cos seus costumes, traxes e fala, que tamén foran prohibidos. As ordes de arresto da Gran Redada omitían a palabra “xitano”, e limitábanse a describir as súas actividades. O xitano non o era polo tanto por raza ou linaxe, senon pola súa forma de vivir, alo menos oficialmente. Foi unha lexislación máis clasista que étnica. Ese detalle xenerou unha confusión determinante durante este intento de exterminio da xitanería española: moitos payos “honrados” (alcaldes e fidalgos), contra todo pronóstico, defenderon aos detidos, tan necesarios para manter as economías locais, ou cos que tiñan trabadas ligazóns de amizade.

1940. Xitanos baixo custodia xermana
no campo de concentración de Belzec.

Dese xeito, os procedementos para reclamar a liberación de certos xitanos caíron coma unha fervenza sobre as autoridades, que soltaban a uns mentres arrestaban a outros, todo no medio dunha enorme confusión administrativa. O Estado Absoluto botouse para atrás aos poucos meses, ao comprobar que estaban detendo aos xitanos trabucados ao mesmo tempo que se dislocaba a economía do reino: a desgracia abatíase, precisamente, sobre los xitanos que conseguiran facerse un oco na sociedade paia, os sedentarizados, os que por fín se adicaban a tareas agrícolas, os que tiñan casa en propiedade, os que non roubaban polos camiños. Aqueles que escaparon da asimilación escurríronse entre os dedos do Estado Policial. A lección quedou ben aprendida, e marcou o inconsciente colectivo dos xitanos españois durante séculos.

O indulto real no chegaría ata quince anos despois, grazas a un avergoñado Carlos III, e aínda trinta e catro anos mais tarde, en 1783, liberábanse os derradeiros presos. Moitos cativos, mulleres e homes morreran no traslado ou no confinamiento, e outros non volveron xamais a ver ás súas familias, alonxados delas centos de quilómetros, dados por mortos ou esquecidos, sen recursos para voltar á súa casa, casa que agora, por suposto, xa non era súa.

Hoxe en día case ninguén garda memoria da Prisión General de Gitanos. Ese capítulo da historia española foi coidadosamente esquecido e ocultado, borrado dos libros, furtado aos escolares, e só superficialmente investigado, o que contrasta co interés despertado pola expulsión de moriscos e xudeus. No en van, en España xa non hai nen moricos nen xudeus, pero si xitanos. A rabuda presencia destes últimos, tal vez, sexa a razón da amnesia.

Juan Paña, Lebrijano: Presecución (1976).

Fontes: esta por se esceber a historia da longa e infame persecución xenocida contra os xitanos españois. De xeito fragmentario pódense reconstruir algúns episodios espallados por libros e monografías. Sobre o triste episodio relatado nestas liñas só existe unha breve relación, descatalogada e inatopable, La Gran Redada de Gitanos, de Antonio Gómez Alfaro (Ed. Presencia Gitana, Madrid, 1993), ademais dalgunhas referencias noutras obras especializadas, normalmente sacadas dese libro. Tamén hai un artigo na Wikipedia: Gran Redada.

Advertisements

4 Comentarios

  1. iznogoud el infame said,

    Decembro 10, 2009 ás 17:28

    De repente comprendo cousas que nunca entendín, como a súa negativa a integrarse como cidadáns de pleno dereito.
    Supoño que é moi probable que nin moitos deles saiban por que sucede.

    • iesounonies said,

      Decembro 10, 2009 ás 23:56

      A cacería continúa:

      Milán desaloja de noche a 200 gitanos: El Pueblo de la Libertad y la Liga Norte acuerdan que en la ciudad solo podrá haber 1.000 ciudadanos de esa etnia en 2011. (EL PAÍS, 19/11/2009)

      Muros, guetos, expulsiones y persecuciones en la UE: os xitanos en Chequia e en Eslovaquia.

      etc.

  2. como che ía dicindo... said,

    Decembro 11, 2009 ás 23:00

    Non sei que é máis certo, se que os xitanos non queren integrarse ou que os payos nunca quixeron que se integrasen. A diferencia molesta, e o que se quere é acabar con ela, uniformizando, e non integrala. Con esa “integración” que non é tal o pobo romaní desaparece, e se non se fai desaparecer así, faise perseguindo e masacrando, ou simplemente calando; o que non se nomea non existe, e o que non se escribe mal perdura. Sendo unha cultura ágrafa non resultaría dificil silenciar a historia. Así, non existiu a Gran Redada. A prohibición de usar a palabra xitano durante o século XVIII non é tamén un modo de facelos desaparecer?

  3. Couselo said,

    Decembro 12, 2009 ás 01:36

    Pois si, agora entendo un pouco máis aos xitanos, razóns teñen e de sobras para non querer saber nada dos payos.
    Non sei coma se seguen calando na historia de España feitos tan dramáticos coma este, é necesario que isto se divulgue e payos e xitanos sepamos o que pasou.
    Iste artigo faime cambiar sobor certos conceptos errados que tiña deles, grazas.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: