Avaliación de diagnóstico


Hoxe mércores 21 comeza a Avaliación de diagnóstico, que realizarán tódolos alumnos que o ano pasado cursaron 4º de primaria e 2º da ESO. As probas atópanse xa en poder das direccións dos centros, tamén os privados. Calquera centro educativo de Galicia puido facer chegar aos seus alumnos o contido dos caderniños e cuestionarios hai días (tentado estiven de colgalos nulgún foro de internet, xunto coas respostas). Non parece un asunto moi serio se é que logo a avaliación de diagnóstico vai servir para facer unha comparativa de resultados entre diferentes centros. Sinxelamente, os centros que desexen dar esplendor ao seu pedigree o teñen facil. Outros, os que teñan problemas de organización e espazo, ou masificación, a duras penas poderán ofrecer un lugar adecuado para albergar a decenas de rapaces, entre repetidores de 2º e promocionados do ano pasado.

É dificil facer en poucas liñas unha valoración de todo o proceso, pero ten pinta de que non vai servir de moito. Porque estamos en plena crise económica, e por moi boa radiografía que obteñamos do sistema (se é que obtemos algo) non temos cartos para o tratamento. Feita demasiado cerca do inicio de curso (cando algúns centros aínda non acabaron de despegar), é simplemente un mandato da Lei Orgánica de Educación (LOE), xestado en algún lonxano despacho ministerial, logo trasladado a cada comunidade autónoma, e a partires de ahí, adaptado con mais ou menos fortuna a unha enorme pluralidade de centros.

As probas mixturan galego e castelán no mesmo exame (o mesmo que lle prohibimos aos rapaces, aos que lles dicimos que empeguen unha ou outra lingua, sempre por separado).

Entre o profesorado do meu centro o asunto non caiu ben. Certo que os da dirección non nos molestamos en vendelo. E certo que non hai moito que vender: os horarios trastocados, un inxente gasto en fotocopias, e demasiado traballo para algo ao que non lle vemos utilidade inmediata.

Os resultados deberán ser corrixidos un por un e introducidos no sistema informático (proba por proba, o que no noso centro supón mais de tres centenares de exames con ducias de respostas), e comunicados aos pais (unha boa razón para que certos centros alteren os resultados).

De todo iso obteremos unha visión global do estado das competencias en linguas e en matemáticas dos alumnos galegos, visión que case seguro logo será simplificada pola prensa e que resultará, con toda probabilidade, desalentadora.

Nihil novum sub sole.

[Actualización: Homenaxe a Paco Hernández.]

Deixar un comentario