Horas, horiñas, horas


Paciente lector:

Un Instituto de Ensino Secundario, coma unha matrioska, está composto por moitos institutos uns dentro dos outros. Cada unha desas bonequiñas representaría un departamento, de xeito que un só Instituto pode conter tantos departamentos coma ten a Universidade Compostelana: un por cada área de coñecemento. E cada departamento, á súa vez, pode conter (ou non) tantas faccións coma profesores haxa impartindo esa área.

Esa característica dos nosos centros maniféstase cada principio de curso, cando procede facer o reparto de asignaturas entre os diferentes profesores dos distintos departamentos. Repartir o traballo dos próximos nove meses lectivos pode facerse seguindo criterios pedagóxicos mais ou menos acertados (continuidade e seguimento dun grupo de alumnos, alternancia de niveis, etc). Eso sucede en non poucos departamentos de moitos Institutos. Pero cando os criterios pedagóxicos ou funcionais quedan aparcados en favor doutros intereses (o que soe manifestarse de xeito eufemístico unhas veces, sen demasiado remilgo outras) desátase unha ferocísima competencia que, ao meu modesto entender, está determinada polas seguintes regras e valores de cotización, enunciados en orde non xerárquica:

a. os niveis mais altos valen mais que os mais baixos
b. os grupos mais numerosos valen menos que os menos numerosos
c. o último que chega é o último en elexir
d. os presentes deciden polos ausentes
e. mais horas de clase é peor que menos horas (obviously)

En términos prácticos esto resúmese en que se vostede ten un fillo en 1º da ESO probablemente o seu profesor sexa un interino (a non ser que haxa un mestre adscrito no centro), e se ten un fillo en 2º de Bacharelato probablemente o seu profesor sexa un funcionario con destino definitivo. A lei ampara, en certa medida, esa situación. Pero non só a lei, senon tamén o costume.

A reunión de cada departamento para repartir as horas soe ter lugar antes de que os interinos estean nomeados. De xeito que están presentes só os docentes con destino definitivo (véxase regra d). Entre os presentes se elixe por orde de cargo e antigüidade (véxase c): o considerado millor (véxanse regras a, b, e, sobretodo, e) desaparece por mor da lei de oferta e demanda, quedando para os ausentes aquelo que é considerado polos presentes coma peor.

As consecuencias, desexadas ou non, son que os alumnos que mais atención precisan (os dos cursos mais baixos) poden ter (ou soen ter) aos profesores con menor experiencia docente, e/ou con menor estabilidade laboral e xeográfica, e/ou con mais carga horaria, e/ou que soportan ratios mais altas. Repito que esto non sempre sucede (por exemplo, hai departamentos que non seguen eses criterios, e non é exacto dicir que un interino teña menos experiencia que un funcionario), pero xeralizando moito non é dificil atopar sobradas probas de que a descrita é unha conducta moi extendida. Tamén é certo que a propia normativa favorece (que non determina) esa situación, como tamén é certo que en demasiadas ocasións, cando os criterios pedagóxicos e os persoais non son compatibles, simplemente óptase polos segundos en detrimento dos primeiros (e coa lei na man, por certo).

Exactamente igual que na empresa privada, no gremio do ensino secundario hai un complexo entramado de privilexios adquiridos (por lei ou costume, que tanto da neste país) e un sistema de castes tan forte como ridículamente interiorizado (funcionario con destino definitivo, funcionario en expectativa, mestre adscrito, interino e sustituto, mais ou menos por esa orde). Para a caste dos brahmáns unha negociación departamental espabilada pode significar unha, dúas, catro horiñas á semana menos de clase (coa correspondente dedicación paralela), en comparación coa caste dos parias, que terán un horario algo mais abultado (ainda que non mortal, dende logo).

É dificil (por non dicir imposible) que tal situación lle pase desapercibida aos propios alumnos. ¿Será eso parte do currículum oculto que tanto deu que falar no seu día?

Advertisements

5 Comentarios

  1. como te digo una co said,

    Setembro 20, 2009 ás 01:24

    É unha desgracia. Non sei se é a educación xudeo-cristiana, a picaresca española, ou que, pero a cuestión é que hai moitísimos profes que teñen interiorizado iso de que o traballo é un castigo divino; o obxectivo final parece que é traballar canto menos mellor (curiosamente o mesmo que se lles reprocha aos alumnos) e a antigüidade otorga prebendas nese sentido, a máis de económicas. E logo lles falaremos aos rapaces da xustiza, da igualdade, e da cultura do esforzo. En fin; por unha parte está ben que certos individuos logren dar cantas menos clases mellor; co exemplo que dan…

  2. iesounonies said,

    Setembro 20, 2009 ás 17:28

    Sendo honestos, tamén hai moitísimos bos profesionais. Incluso os hai que son excelentes profesionais para unhas cousas pero non para outras.

    • como te digo una co said,

      Setembro 20, 2009 ás 22:13

      Claro que os hai. E hainos en tódolos niveis desa xerarquía docente, dende a casta directiva ata os parias, i.e., os interinos e substitutos. Son os que fan que isto poida funcionar a pesar de tódolos pesares. E hai tanto que facer que, si un quere, sempre atopará unha tarefa que poida facer ben e na que sexa útil. Pero sempre hai alguén que o que non quere é traballar, e non resulta difícil escabullirse. Afortunadamente son poucos, iso é certo. Pero á unha mágoa.

  3. A profa said,

    Xaneiro 18, 2010 ás 20:13

    Un post realmente bo, hai que ver que ben retrata vostede!
    E o simil da matrioska está sobradamente xustificado.
    Con todo, a min os que máis me amolan non son os que non fan senón os que ademais non deixan facer que serían outra caste máis perigosa.
    Saúdos.

  4. Abril 23, 2010 ás 20:17

    […] tempo que describimos o procedemento de reparto de asignaturas dentro dun centro escolar (véxase este post). Explicábamos entón que o turno de escolla ten peculiares consecuencias. Por exemplo, que se […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: