Setembro e o caos


A idea de realizar as recuperacións en setembro está instalada na nosa mentalidade coma se fora un precepto inviolable. Hoxe expoñeremos cómo esa maliciosa práctica ten consecuencias terribles para un centro escolar.

A plantilla de profesorado, tal e como explicamos no seu día, solicítase en xullo, con pleno descoñecemento das necesidades exactas do centro. A solicitude puido ser modificada este ano ata o 9 de setembro. Pero as avaliacións de setembro rematan o día 4 e as notas entréganse o 7, rematando o prazo de reclamacións e matriculación o 10. Polo tanto, pídense os últimos profesores o día 9, para unha matrícula que só se coñecerá con exactitude ao día seguinte. Tómanse hoxe decisións seguindo criterios de mañá. Todo ao revés, mal e con presas.

O reparto de mais de 1000 horas lectivas entre os numerosos departamentos dun centro (algo que para o observador alleo ao sistema pode parecer unha tontería, pero que é complexo, crucial e fonte de interminables e abstrusos conflitos que se prolongarán durante todo o resto do curso) faise definitivo entre as 14:30 do día 10 e aproximadamente as 9 da maná do 11: básicamente, unha tarde coa súa noite. Teóricamente, os horarios duns 700 alumnos e más de 70 docentes (outro galimatías insufrible que pode levar días e días do traballo de varias persoas), e a distribución de aulas (un número notable de espazos amortizados ao máximo) deben estar dispoñibles para as nove da mañá do día 17. É dicir, que a cuadratura do círculo debe estar feita entre o venres 11 pola tarde e o mércores 16 pola noite (sábado e domingo incluídos).

Todo iso debe ser xestionado xunto coa restante carga de tarefas ordinarias e extraordinarias dun centro: atención a pais, resolución de reclamacións, reunións, solución de casos especiais, seguemento da lexislación, envío de informes, preparación xeral do curso, implantación de novos estudos, adaptación a unha lexislación sempre cambiante, e un longo etcétera. Téñanse en conta tamén que os cadros directivos e o valioso profesorado que axuda a sacar o traballo adiante son mamíferos superiores, e polo tanto, comen tres veces ao día e durmen de cando en vez.

Súmelle a eso que a directiva é novata, que na Consellería hai cambio de goberno e algúns cargos están movéndose de sitio, que a administración vive nun estado de improvisación crónica e que todo ten que estar feito para onte.

O resultado é, como diría a escritora aquela, “el m¡smo caos de todos los veranos”: cando as clases comecen parte do persoal do centro levará dúas semanas traballando mais de doce horas diarias. É dificil esperar eficiencia dun plan compulsivo e disparatado como o relatado.

A solución é mover os exames de setembro a xullo. Evitaríanse comportamentos anómalos (como os descritos no seu momento), poderíase adiantar o comezo do curso (promesa tan cacareada como incumplida polos nosos planificadores), tería significado pedagóxico (en setembro o fracaso académico alcanza dimensións astronómicas), evitaría o solapamento de xestións (lembren o problema dos calendarios), e deixaría un amplísimo marxe para unha planificación polo miúdo do curso seguinte. Adiantar exames de setembro a xullo é algo implantado noutras Comunidades (Andalucía ou Catalunya, según entendo). Non hai nada, salvo a desidia, a inoperancia e o descoñecemento das autoridades de cómo funciona todo este cotarro, que xustifique este disparate ingobernable.

[Correción de erros: o peche exacto da petición de profesores tivo lugar o día 10 ás 14:00, exactamente media hora antes da finalización da matrícula, e non o día 9, tal e como se di mais arriba]

Advertisements

1 comentario

  1. como te digo una co said,

    Setembro 11, 2009 ás 05:24

    Qué dicir…se estou lendo isto a estas horas é pola mesma razón pola que tí o escribes a estas horas; porque veño dunha maratoniana xornada de traballo que rematou pasadas as tres da mañá. Atrincherados no instituto, que de día non é que sexa precioso, pero pola noite e en silencio semella un hospital abandoado, o dream-team nomeado a un de xullo e un reconfortante puñado de voluntarios anónimos, esa ONG de persoas dispostas a sacrifica-lo seu tempo para que isto funcione. Ese é o contexto en se organiza un curso escolar completo…porque poucas das decisión que foi necesario tomar esta noite teñen volta atrás. Unha xornada como as de cando era estudiante, con litros e litros de café negro sen azucre, loitando co picor dos ollos, cos baixóns de cansancio, ata chegar a ese punto que estás tan cansa que xa nin te sintes cansa pero non dás pé con bola…e nesas condicións, en que unha pode tranquilamente sumar 3+2=7, e cando decides un ano da vida de máis de 600 alumnos, facendo a toda presa recontos de matrícula, combinacións de optativas, cambalaches de asignaturas e sumas de horas…para máis de 70 profesores que son persoas diferentes, cada un coas súas aptitudes, necesidades, preferencias e fobias, e que obviamente traballarán mellor se lles asignas a tarefa axeitada. E cuxas observacións, queixas e suxerencias escoitaremos mañá, probablemente xa tan esgotados que nin nos enteraremos moito. É milagroso que isto funcione, pero eu non che son de crer en miragres, así que teño claro que na administración educativa teñen algún traidor, un enemigo infiltrado entre os comisionados e altos cargos, que quere acabar co ensino público. De xeito que os exames de setembro son un intento de sabotaxe contra o sistema educativo, que non logra o seu obxectivo porque hai moitísimos profes que se empeñan en levar o buque a porto,a pesar do empeño que pon a nosa administración en impedilo.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: