O desbaraxuste docente

Hoxe, coma onte.

O Consello (…) suxeriu que “o Kantor (…) non se comporta como debera (porque autorizara o desprazamento dun alumno do coro sen notificar previamente ao burgomaestre de turno e emprendera unha viaxe sen solicitar autorización), polo cal debería ser amonestado“. (…) Houbo algunhas palabras fortes na reunión; un dos concelleiros indicou que “non soamente o Kantor non facía nada, senon que nen sequera se aviña a dar explicacións do feito; non se encargaba de dar as clases de canto, a ademais había outras queixas; un cambio podería ser necesario, unha ruptura debería ocurrir en algún momento“. Outro chegou ao extremo de dicir que “o Kantor é incorrixible“. O 25 de agosto [de 1730], o burgomaestre Born participou no Consello afirmando que “falara co Kantor, pero mostrara pouca inclinación ao traballo“, é dicir, a dar as clases en latín (1).

O Kantor chamábase Johann Sebastian Bach. Teimudo e malhumorado, os conflitos entre Bach e os seus alumnos foron infinitos, ata o punto de que en 1705 foi amonestado por unha pelexa na rúa con un deles, ao que alcumara de Zippel Fagotist (alevín de fagotista). Do seu mal carácter da proba o feito de que en 1717 estivo catro semanas encarcelado por faltarlle ao respeto ao duque de Weimar. Bach non se adaptaba a vivir entre imperfecta (os seus alumnos), aos que lles debía atención por unha obriga contractual que el non aceptaba de boa gaña. Probablemente era un profesor insoportable que pasaba bastante de todo, o que explica que o Consello Municipal tivera unha reunión tan áspera como a citada, con pouco éxito polo que se aprecia.

Onte, coma hoxe, non hai maneira de meterlle man a un profesional autenticamente lacazán. Onte, coma hoxe, o sistema apenas ten recursos para fiscalizar o noso traballo, nin na pública nin na concertada nin na privada. De xeito que os escasos exemplos de preguiceiros crónicos poden vivir tranquilos sen que ninguén deteña esa sorte de folga de celo permanente.

Pero hai unha diferencia. No momento en que o Consello amonestaba a Bach por enésima vez facía pouco que estreara a Pasión segundo San Mateo, unha extravagancia maxistral hoxe en día considerada un  monumento da música universal.

Na sección 39 da Pasión pode un descubrir unha peza de especial valor, “Erbarne dich” (Ten piedade de min), unha fermosa aria para contralto de longa duración pero de curto texto:

“Ten piedade de min, meu Deus, polas miñas lágrimas, mira cómo o corazón e os ollos choran con amargura ante tí”.

[Erbarme dich, mein Gott, um meiner Zähren willen; Schaue hier, Herz und Auge weint vor dir bitterlich.]

Nese punto da Pasión Pedro ven de negar tres veces a Cristo e chora amargamente por boca do seu trasunto, a Filla de Sión: non é dificil escoitar as súas lágrimas caíndo dende as cordas do violín solista. A contralto Julia Hamari semella acadar o estado de éxtase baixo ese horrible peiteado, mentres un notable violinista primeiro toca a súa parte con precisión milimétrica.

Definitivamente, ben perdidas estiveron as clases de canto dese curso.

(1) Christoph Wolff, Johann Sebastian Bach, el músico sabio, editorial Ma non troppo, Barcelona, 2008, páxina: 369.

A magnitude do esperpento

A magnitude do esperpento lingüístico que estamos a vivir no país pódese constatar en pequenos exemplos ou en grandes ocasións. Os pequenos exemplos son aqueles que nos fan rir. As grandes ocasións son aquelas que nos fan chorar.

Un exemplo do primeiro: seguindo a tradición institucional (lembremos o caso da gran cantante galega, Carmiña Burana, amiga do que fora Conselleiro de Cultura Pérez Varela), agora lle toca a outro Varela, neste caso Roberto, tamén Conselleiro de Cultura, que ven de fundar a vila de Desván de los Monjes xusto enriba da milenaria Sobrado dos Monxes.

Un exemplo dos que nos fan chorar: o 30 de xaneiro deste ano o Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, falando do futuro decreto do castelán, tivo a ben dar unha charla a un grupo de profesores de instituto: nada menos que aqueles adicados á nosmalización. Hai que recoñecer no seu favor o valor de facelo. O que non quita que non poidamos evitar reproducir algunhas das súas deposicións, que podemos escoitar íntegras neste video.

minuto 03:41. O Consello Consultivo no informe do decreto 2007 dixo (…) que non tiña cobertura legal que o alumnado fose obrigado a utilizar o galego nas materias impartidas en galego.
minuto 07:22. Tampouco ten sentido obrigar nunha clase en lingua estranxeira a que o alumnado utilice esa lingua estranxeira (risas).

Analicemos a cuestión. Con respecto á primeira deposición, o Consello Consultivo (que só é consultivo), con razón ou sen ela, céntrase na cuestión do galego e dí o que lle parece. Non se pode obrigar a un alumno a falar en galego. ¿Tampouco se lles pode obrigar a falar en castelán? En xeral, ¿se lles pode obrigar a falar? ¿Qué pasa se quedan caladiños, porque entenden que calquera das dúas linguas é unha imposición? ¿Qué é obrigar? ¿Obrigar é que se non o fala se lle avalía negativamente?

Os mais memoriosos recordarán que a Constitución Española establece a obriga de coñecer o español (se ben non explica qué sanción se impón a quen non o faga), pero ningunha lei estatutaria establece o deber de coñecer o galego. O digo por se alguén tiña dúbidas acerca de qué lingua é a normativamente imposta (o castelán) e qué lingua é a subsidiaria (o galego, ou calquera outra), que foi o demagóxico punto de partida que nos levou á pretendida reforma do decreto. Ao millor unha breve reflexión sobre eso non nos viña mal para enterarnos de cál é a posición de partida de cada lingua.

O que nos leva á segunda deposición. Se ao millor se lle pode obrigar a falar en castelán a un alumno, pero de ningún xeito se lle pode obrigar a falar en galego, entendemos que o inglés nin de broma: ahí xa non hai dúbida. O inglés non ten ni estatuto de lingua cooficial subsidiaria: simplemente é unha lingua estranxeira. Este señor (Anxo Lorenzo) acaba de tirar por terra o seu propio proxecto de decreto: se se pretende dar o 33% do currículum nunha lingua que os alumnos non teñen a obriga de usar oralmente, entón ¿de qué carallo estamos falando? ¿É esa a utopía? ¿Unha escola de caladiños? Non só iso é o que tira por terra. En realidade, o que está a facer é desmotar o sistema educativo enteiro dende os seus alicerces pedagóxicos primarios: o que se predica do inglés, se predica tamén da música (non se pode obrigar a un rapaz a solfear) ou das matemáticas (non se lle pode obrigar a entender a linguaxe matemática). As consecuencias de todo isto son as mencionadas por unha das profesoras na charla: os alumnos están comezando a interiorizar a lóxica da obxeción (a min non se me obriga a esto nin a esto outro). Dito de outra maneira, os rapaces están asumindo a estulticia da clase política. Todo, para mantela e non enmendala, para darlle voltas a unha promesa electoralista feita sen ningunha reflexión nin análise, baseada en prexuizos cavernícolas e denuncias peregrinas, probablemente inconstitucional e antiestatutaria, técnicamente inviable e lóxicamente absurda.

No tocante a Anxo Lorenzo, supoño que ainda son algúns os que lle temos algo de aprecio. Xa cada vez menos, tras ser testigos perplexos de espectáculos tan ridículos coma este. Escoitar a un lingüista decir que non ten sentido falar inglés en clase de inglés é algo que non tiña previsto na miña axenda. Definitivamente, a política é quen de convertir a un listo en tonto. O que debería facer Anxo Lorenzo é marchar para casa. Nin fai falla que dimita: conformámonos con que non vaia a traballar o próximo día.

África está chea de africanos

Habería que reflexionar sobre o papel educador dos medios de comunicación. Non podemos esperar moito da escola se amais de ensinar o currículum temos que limpar diariamente a cabeza dos rapaces de tanta tontería como se dí por ahí.

Observen se non esta lección de bioxeografía comparada:

Resume: África é un sitio moi quente e húmido inzado de analfabetos sen a manicura feita. E ademáis o amor prevén a SIDA.

Esa noticia, hai tempo emitida durante varios días seguidos pola cadea de televisón Intereconomía, é un bo exemplo de cómo se pode mixturar ciencia con prexuizo, xeografía física con estereotipo e antropoloxía con simple ignorancia. Verdadeirmente vergoñento resulta o mapa do minuto 1:22 (todo un exemplo de infografía manipulativa) ou a selección das imáxenes que acompañan a información (zonas empobrecidas dalgún lugar africano, por suposto non identificado).

Non é posible emitir mais tonterías en menos tempo.

Se queren saber mais sobre medios de comunicación, erros, falacias e idiotez supina en xeral, non deixen de botar un vistazo ao blog Prensa Preventiva.

Tamén queda o humor, o millor antídoto contra a estupidez:

Homo ferus

Nun comentario recente a un post deste humilde bloguiño preguntábase un intelixente lector sobor da dicotomía entre o aprendido e o innato.

A diferencia entre natureza e convención (physis e nomos) foi un tema plantexado inicialmente polos sofistas da antigua Grecia, e converteuse nun tópico das discusión filosóficas e de sobremesa dende entón. O sentido profundo desta dicotomía acada importancia en multitude de ramas do saber, como a epistemoloxía (razón versus experiencia), a bioloxía (innato versus adquirido) e a lingüística (linguaxe versus lingua), e está moi lonxe de ser zanxado. Incluso na vida cotiá é cuestión disputada se as persoas teñen un carácter invariable ou mais ben é produto da súa educación e do ambente.

Dende o punto de vista meramente educativo (e en todo caso, antropolóxico) o problema da dicotomía entre o innato e o adquirido é inquietante. Dado que afortunadamente os experimentos con nenos están prohibidos, temos que botar man das desgracias propias da vida real para resolver a cuestión. A idea básica é que se a un ser humano lle quitamos todo o adquirido da sociedade e o deixamos só coa súa carga meramente natural, tal e como ven ao mundo, e logo permitimos que medre ata facerse adulto, entón obteremos esa esencia primixenia do que somos, o ser humano auténtico, natural e orixinal: o innato desvestido do aprendido. Dende que Linneo clasificou as especies a ese ser humano chamóuselle Homo [Sapiens] Ferus, home salvaxe.

¿En qué consiste ese ser humano orixinal? Grazas aos rexistros modernos de casos reais de nenos salvaxes coñecemos en parte a resposta á pregunta: se a un ser humano se lle retira a súa parte adquirida o que obtemos é pouca cousa, por non dicir nada.

Un dos casos mais coñecidos e estudados e o do neno Victor de Aveyron, un cativo atopado nos bosques franceses de Aveyron a finais do século XVIII en estado de completo salvaxismo, tras anos de estar privado de contacto humano, e que logo foi educado polo pedagogo e médico Gaspar Itard. Hai unha coñecidísima película sobre esta historia, chea de inocencia e frustración: L’enfant sauvage. Victor, o neno salvaxe, nunca chegou a falar, e acadou unha socialización moi limitada. Digamos que, neste caso, children don’t see, children don’t do…

Outro caso certamente sorprendente (e un dos mais intensamente estudados) foi o da pequena Genie. Genie foi localizada polos servicios sociais norteamericanos en 1970 (xusto cando se estreou a película antes citada, e en pleno debate sobre a gramática xenerativa de Noam Chomsky e a teoría do periodo crítico de Eric Lenneberg), tras vivir nun case completo aillamento da sociedade, e no mais absoluto maltrato, durante 10 anos. Sometida a investigaciones tan inútiles como crueis, hoxe en día esmorrece internada no anonimato dalgunha institución norteamericana sen que se teña recuperado para o mundo dos socializados, ou sexa, nós.

Hai ducias de casos mais de Homo Ferus, menos coñecidos, e non sempre verificados, algún deles moi recente. Por todos eles sabemos que non pinta moito que esa pretendida humanidade orixinaria (que Rousseau, entre outros, presumía que se caracterizaba pola bondade e a harmonía coa natureza) aporte significado mais alá da súa inevitable unión co aprendido. Mais ben é posible que a dicotomía nature versus nurture sexa un artefacto intelectual para tratar de entender por separado o que nunca, na historia da nosa especie, se deu doutro xeito que xunto. Nese caso, a diferenza entre innato e adquirido sería a mesma que hai entre un lado e outro da mesma folla: só separables na nosa mente, dependen un do outro para se soster, dando lugar a esa fraxilidade chamada ser humano.

A continuación engado dous documentos para pensar sobre este asunto (mentres non os borren no youtube). A fermosa película de Truffaut que conta a historia de Victor de Aveyron e un documental sobre Genie, o caso dunha das nenas salvaxes millor documentado da historia.

O pequeno salvaxe, de Truffaut (1970).
Prema aquí para a reproducción completa da película.

La niña salvaje (documental).
Prema aquí para a reproducción completa do documental.

Novus Ordo Seclorum

Anxo Lorenzo, eminencia gris que está tralo do novo decreto de normalización, teno moi claro. Nunha das súas últimas intervencións públicas explica que el trata de “facer real unha utopía“.

Acabáramos: trátase dunha utopía, un Novus Ordo Seclorum que pretende cambiar as nosas vidas para sempre. Coma tódalas utopías, rematará en desastre.

Prepárense entón, porque da cabeza deste iluminado pode saír case calquera cousa. Por exemplo, na mesma intervención pode defender ideas incompatibles:

Anxo Lorenzo reiterou a necesidade de derrogar o decreto do galego aprobado polo bipartito porque, segundo explicou, nos últimos anos “houbo un fortísimo debate lingüístico na sociedade galega que segue aí“. (…) Finalmente, Lorenzo apelou a pechar “canto antes un conflito lingüístico que nunca existiu a este nivel de debate público e político“.

Hai conflito ou non hai conflito? Ex contradictio quod libet.

« Entradas máis antigas